SGO

Dende a SGO vimos de unirnos á campaña TI PODES PARALOS impulsada por ADEGA para reunir os fondos necesarios para defender nos tribunais o medio ambiente e o rural galego fronte a actual invasión eólica. Dentro desta campaña, a SGO colaborará na loita xurídica contra os proxectos eólicos que afectan á montaña oriental de Lugo e Ourense. Esta zona alberga os espazos de maior valor ambiental do interior de Galicia, sendo o último refuxio de moitas especies ameazadas de aves e outros vertebrados que se verán especialmente afectados de levarse a cabo estes proxectos.

A nosa colaboración estrutúrase en tres eixes: difusión, apoio técnico e apoio económico. O primeiro proxecto no que empezamos a colaborar é o Parque Eólico Rodicio II na contorna do Bidueiral de Montederramo (Maceda e Montederramo), un lugar de alto interese na nosa terra para as aves de rapina: https://tipodesparalos.helpbysc.com/rodicioii. Animámosvos a participar nesta campaña de captación de fondos para poder salvar esta zona de interese para as aves do impacto irreversible deste proxecto.

Este traballo de colaboración súmase ao traballo de seguimento e alegación de proxectos eólicos que vimos desenvolvendo nos últimos anos. Froito deste traballo conseguíronse varios triunfos xudiciais (Oribio, Campelo) en colaboración con outras entidades. Tamén se conseguiu que os argumentos das nosas alegacións foran tidos en conta para desbotar algúns macrproxectos como o de Prada ou o de Barjas, proxectos que afectarían a lugares tan emblemáticos coma Pena Trevinca  ou ao Courel.

Ligazóns de interese:

https://tipodesparalos.helpbysc.com/rodicioii: Campaña para a recadación de fondos a prol da defensa xurídica do Rodicio, na provincia de Ourense. Un espazo de interese para as aves de rapina.

https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio: Información sobre a campaña Ti podes paralos impulsada por ADEGA.

https://fdjcc.org/: Fondo xurídico para a defensa da Cordilleira Cantábrica. Iniciativa de varias entidades do ámbito cantábrico, entre elas a SGO, contra os macroproxectos enerxéticos renovables con alto impacto na biodiversidade e a paisaxe