SGO

A SGO oponse ó proxecto en fase de exposición pública: "Adaptación del proyecto de estabilización de la playa de Altar y de su estudio de impacto ambiental, T.M. Barreiros (Lugo)" que inclúe un Estudio de Impacto Ambiental (EIA) con infinidade de erros e que cualificamos como moi deficiente, xa que non se avalían correctamente os impactos sobre os valores que supuxeron a declaración da ría de Foz como ZEPA e ZEC.

A ría de Foz é un esteiro enclavado entre os municipios de Barreiros e Foz no norte da provincia de Lugo protexido por dúas figuras de protección no marco da Rede Natura 2000 da Unión Europea: Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA ES0000373) Ría de Foz e Zona de Especial Conservación (ZEC ES1120011) Ría de Foz-Masma. Están presentes na ría diferentes hábitats incluídos no Anexo I da Directiva Hábitats.

A SGO nas súas alegacións o proxecto denuncia entre outros os seguintes temas:

  • Que o proxecto ao unir a praia coa Pena do Altar e permitir o acceso ao illote durante a preamar terá un impacto crítico e irreversible sobre as aves invernantes e migrantes na ría, sobre todo ó pilro común (Calidris alpina), pilro tridáctilo (Calidris alba), pilro gordo (Calidris canutus), gabita (Haematopus ostralegus) e a píldora cincenta (Pluvialis squatarola), estas especies representan o 25% das aves invernantes na ZEPA.
  • Que o EIA non identifica nin avalía a afección sobre á píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas coa categoría de Vulnerable.
  • Que o EIA non identifica nin avalía o impacto sobre a zona de dragado que é empregada como repousadoiro polas aves da ría tanto en migración coma na invernada.
  • Que o EIA carece de rigor e credibilidade en canto a ornitofauna, xa que non incorpora un inventario das especies presentes no espazo e pola contra inclúe importantes erros nas especies que referencia.
  • Que no EIA non se avalía correctamente o impacto sobre as pradarías de Zostera (Zostera noltii), hábitat prioritario incluído no listado de Especies e Hábitats ameazados e/ou en Declive do Convenio OSPAR ratificado por España. Cabe reseñar que moita da información sobre as comunidades bentónicas está baseado nun proxecto anterior do 2007, no que a superficie de dragado era catro veces inferior ó actual, o cal ademais do tempo transcurrido nun sistema tan dinámico como o dunha ría, invalida as simulacións que fan constar para medir o impacto real deste proxecto nas citadas pradeiras de Zostera noltii.
  • Que a descrición do medio biolóxico no EIA é moi pobre, con falla de rigor e con omisións e erros importantes o que impide unha axeitada identificación de impactos e cuantificación dos mesmos. Non se referencia á presenza da lontra (Lutra lutra) incluída no Anexo IV da Directiva Hábitats así como especies de gran interese botánico presentes nas dunas de Altar coma Limonium dodartii e Linaria aguillonensis (Bañarés et al., 2004; Pino Pérez et al., 2011) catalogadas ambas como En perigo de extinción no Catálogo Galego de Especies Ameazadas de Galicia e a primeira como en perigo crítico e a segunda como en perigo no Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España.
  • Que non hai unha valoración axeitada do impacto sobre os bancos marisqueiros no EIA. A cadelucha (Donax trunculus) representa un recurso pesqueiro de alto valor comercial, no ano 2018 en Galicia foi o bivalvo que alcanzou o prezo medio máis alto (43,43 €/kg), pero sendo un dos tres que se vendeu en menor cantidade (604,34 kg) dado que as súas poboacións están en forte regresión. Os puntos de mostraxe incluidos no EIA refírense o proxecto anterior e foron realizados en 2007, estando dous dos tres puntos fora da zona de dragado actual, e polo tanto non son válidos para o análise. En resumo, O EIA non analiza en detalle este asunto, sen identificar nin cuantificar de forma precisa o impacto do proxecto sobre a cadelucha, o cal será sen dúbida importante e suporá unha importante diminución do banco marisqueiro na ría de Foz, cando é unha especie que podería ser un importante factor económico que substitúa á desaparición do chícaro (Cerastoderma edule).
  • Que as matrices de identificación e valoración de impactos do EIA conteñen erros importantes o cal descalifica a valoración resultante que da viabilidade ó proxecto.

DESCARGAR NOTA DE PRENSA

DESCARGAR ESCRITO DE ALEGACIÓNS