SGO

Hai varias semanas a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda anunciou a presentación de 10 proxectos en materia de biodiversidade para optar ao financiamento europeo para a recuperación económica, os chamados fondos “Next Generation” (https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/55475/medio-ambiente-presenta-10-proxectos-materia-biodiversidade-para-optar-maximo?langId=gl_ES). Neste anuncio propóñense de forma moi superficial e sen ningunha concreción unha serie de actuacións que entendemos necesitan ser explicadas e abertas á participación da sociedade civil para adaptar estes fondos ás necesidades reais, que son moitas, en materia de biodiversidade en Galicia.

Os fondos “Next Generation” supoñen unha magnífica oportunidade para mellorar o estado de conservación do noso maltreito medio natural e deberían ter como obxectivo a conservación e restauración dos ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade no senso máis amplo posible, especialmente, no referido aos espazos protexidos, á Rede Natura e as especies con plans de recuperación aprobados ou pendentes de aprobación ou aqueloutras que realmente xustificaron a declaración destas figuras de protección, sen esquecer a necesidade de incrementar a superficie dos espazos protexidos. Pola contra, non debería contemplarse a utilización destes fondos para actuacións sobre as infraestruturas nin para a promoción do uso público destes espazos.

As entidades asinantes de dito documento solicitamos información máis detallada dos 10 proxectos en materia de biodiversidade sinalados pola CMATV como destinatarios dos fondos de recuperación económica. Sería desexable que se puideran abrir leitos de participación para a sociedade civil na priorización e toma de decisións das inversións destes fondos. Por tal motivo, vimos de solicitar unha reunión telemática coa Conselleira Dª. Ánxeles Vázquez e a Directora Xeral de Patrimonio Natural Dª. Belén María do Campo para poder ter información máis directa deste asunto que entendemos de gran importancia para a conservación da natureza en Galicia.
Neste sentido, entendemos que máis aló da oportunidade que poden supoñer os fondos “Next Generation”, a xestión e conservación da biodiversidade en Galicia está estancada dende fai anos e non se cumpren os mandatos europeos, nin as obrigas propias das competencias en materia ambiental e de conservación da natureza, existindo un baleiro na aplicación destas políticas no territorio.

A Rede Natura 2000 supón en Galicia menos do 12% do territorio, moi por debaixo da media española. Consideramos que é fundamental abordar a ampliación de moitos destes espazos, especialmente os da montaña oriental galega, ou declarar novas zonas de protección para as aves (ZEPAS) e outros espazos con hábitats e especies relevantes. Paralelamente sería necesario dotar de planificación específica a cada un dos espazos da Rede Natura 2000. A degradación de moitos dos espazos da Rede é manifesta e faise
urxente a súa planificación e xestión para non acabar de perder os valores que levaron á súa catalogación. Reseñable e o caso das zonas húmidas que sofren a falta de xestión axeitada para a conservación dos seus valores ambientais.

A maioría das especies do Catálogo Galego de Especies Ameazadas, a pesar do tempo transcorrido non teñen plans de recuperación ou conservación aprobados. Citamos por exemplo ao sisón común (Tetrax tetrax), á tartaraña cincenta (Circus pygargus), á gatafornela (Circus cyaneus) e ao corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), especies catalogadas que necesitan de intervencións urxentes para evitar a súa inminente desaparición. As poucas especies con plans de recuperación ou conservación aprobados a día de hoxe, como a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), catalogada como vulnerable, ou a escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus lusitanica) catalogada como en perigro de extinción, non reciben a consideración oportuna para a restauración e conservación dos seus hábitats. Igualmente hai especies con plans de recuperación obsoletos, como o oso pardo, cuxo plan necesitaría ser actualizado ás circunstancias actuais da especie.

Este desalentador panorama da biodiversidade en Galicia necesita ser revertido con urxencia e pensamos que a aplicación dos fondos de recuperación verde é unha boa oportunidade para empezar.

En Santiago de Compostela, a 6 de abril de 2021


ADEGA (ASOCIACIÓN PARA A DEFENSA ECOLÓXICA DE GALIZA)
ASOCIACIÓN AMIGOS DA TERRA
ASOCIACION GALEGA DE CUSTODIA DO TERRITORIO
ASOCIACIÓN VERDEGAIA
GRUPO NATURALISTA HÁBITAT
SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL (SGHN)
SOCIEDADE GALEGA DE ORNITOLOXÍA (SGO)

DESCARGAR NOTA DE PRENSA

ENLACE AO ESCRITO PRESENTADO ANTE A CMATV