Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2020
Os Guidoiros son dúas pequenas illas próximas á Illa de Arousa, adscritas a dito concello, que na teoría se encontran protexidas por dúas figuras de protección no marco da Rede Natura 2000 da Unión Europea: Zona de Especial Conservación (ZEC) “Complexo Ons-O Grove” e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) “Complexo Intermareal Umia-O Grove”.
A súa xestión como espazo natural protexido compete á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, que se amosa incapaz de compatibilizar un uso turístico sustentable, que por forza debe ser de baixa intensidade, coa conservación dos seus valores naturais, e por ende da súa relevancia en xacementos arqueolóxicos megalíticos.
Alén da importancia dos seus recursos mariños, aproveitados tradicionalmente pola Confraría da Illa de Arousa, nos Guidoiros aséntanse colonias de aves mariñas de relevancia semellante ás existentes nas illas do veciño Parque Nacional das Illas Atlánticas. Destaca a nidificación de varias parellas de gabita (Haematopus ostralegus), incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA, na categoría Vulnerable), que supoñen en torno ao 20% da poboación galega e máis do 5% da existente na Península Ibérica. Até datas recentes aniñou outra limícola ameazada e cun plan de conservación vixente, a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus). Tamén teñen sido escollidas polo gaivotón (Larus marinus) como destacado baluarte no seu proceso colonizador das costas galegas; esta especie tamén cumpre os criterios da UICN e do CGEA para ser catalogada Vulnerable.
Outra especie ameazada, o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), acude en concentracións relevantes desde as súas colonias no vecino Parque Nacional e na insua Rúa. Ademais, ambos Guidoiros manteñen sendas colonias da outrora abundante gaivota patiamarela (Larus michahellis), en pronunciado declive en Galicia desde hai anos.
Ademais, as illas están cubertas na súa totalidade por hábitats de interese comunitario (dunas e vexetación de acantilado), con destaque no Areoso pola prevalencia de dunas fixas, hábitat de interese prioritario e onde se encontra unha das contadas poboacións galegas dunha planta endémica de Galicia tamén considerada ameazada (Alyssum gallaecicum), entre outras especies escasas no país.
Neste contexto natural privilexiado, nos primeiros fins de semana deste verán 2020 véñense repetindo, se cabe con maior virulencia, eivas de xestión que se acumulan desde pasados anos. A combinación de praias só accesibles en embarcación, sen ningín tipo de urbanización e con aguas cristalinas fan do lugar un auténtico paraíso, ameazado e degradado pola masificación e por
comportamentos inapropiados: en datas recentes un turista desenbarcou un can, que se dirixiu directamente á colonia de aves mariñas dando morte a numeroso polos e mesmo algún exemplar adulto; son frecuentes as persoas que deambulean pola illa, non respetan o valado dunar e mesmo se suben enriba das mámoas; motos acuáticas circulan a velocidades inapropiadas nas inmediacións e non respeitan as canles de entrada á praia. Anda que hai empresas de turismo náutico que solicitan autorización e informan dos comportamentos apropiados, existen outras que se saltan impunemente a normativa. Hai uns anos, até un quad náutico vandalizou nas dunas do Areoso.
Antes de explorar vías de denuncia á Xunta de Galicia ante a Unión Europea por incuprimento das directivas de Hábitat (92/43/CEE) e de Aves (2009/147/CE), a SGO e SEO Pontevedra reiteran á administración autonómica a necesidade de ordenamento específico que dea a protección precisa ao espazo natural, que pasa por:
- Vixilancia regular por parte de axentes forestais ou guardia civil en determinadas datas da primavera e do verán.
- Implantación de zonas de reserva, tanto nas dunas do Areoso e en toda a metade oeste da illa, onde se impida o acceso de turistas, agás grupos guiados a partir do 15 de agosto; asi como no Pedregoso, cando menos até o 15 de agosto. Tamén limitar até esas mesmas datas o acceso á insúa Rúa, incluída no mesmo conxunto insular e mesmos espazos naturais, e que por agora padece menor presión turística debido a ausencia de praias.
Cómpre lembrar que tanto o Concello como a Confraría d’A Illa de Arousa se teñen manifestado publicamente a favor de limitar e ordenar o acceso a estas illas, nun exercicio de responsabilidade da que, paradoxalmente, carece a Dirección Xeral de Patrimonio Natural.