Como ven sendo habitual nos últimos anos, a SGO participará no censo europeo de millafre real (Milvus milvus) que se realiza como parte do proxecto LIFE EUROKITE (https://www.life-eurokite.eu/es/life-eurokite.html). A idea central deste proxecto é utilizar a tecnoloxía de telemetría para identificar o uso do hábitat espacial das especies obxectivo e cuantificar as razóns chave da mortalidade das especies de aves rapaces na UE. Este ano ademáis, realizarase o censo a nivel do Estado, coordinado por SEO/BirdLife e Gorosti.
O millafre real é unha prioridade de conservación particular da UE, xa que o 95% da poboación reprodutora mundial atópase dentro da UE. En España a poboación reprodutora está catalogada como en perigo de extinción. En Galicia está incluído no catálogo galego de especies ameazadas na categoría de en perigo de extinción. A presencia invernal desta especie en Galicia vai en aumento e nos últimos anos detéctanse varios durmidoiros invernais nas provincias de Lugo e Ourense. Podedes acceder aos datos do censo do ano pasado nesta ligazón:
Neste ano 2024 a fin de semana preferente para a realización do censo será o 13-14 de xaneiro. Se estades interesad@s en participar en dito conteo, poñédevos en contacto cos coordinadores provinciais.
Óscar Rivas: orivaslopez(arroba)gmail.com
Alexandre Justo: alexustoalvarez(arroba)yahoo.es