SGO

Descargar Dossier informativo Mariñas na Mariña.

En xullo de 2014 o Goberno de España declarou varias ZEPAs (Zona de Especial Protección para as Aves) mariñas pola Orde Ministerial AAA/1260/2014 de 9 de xullo, publicada no BOE núm. 173 de 17 de Xullo de 2014. En Galicia declaráronse 5 destas ZEPAs mariñas:

ES0000495 Espacio mariño de Punta de Candieira-Ría de Ortigueira-Estaca de Bares.
ES0000496 Espacio mariño da Costa de Ferrolterra-Valdoviño.
ES0000497 Espacio mariño da Costa da Morte.
ES0000498 ZEPA Banco de Galicia.
ES0000499 Espacio mariño das Rías Baixas de Galicia.

Así mesmo, declarouse outra ZEPA mariña en Asturias, a ES0000494 Espacio marino de Cabo Peñas.

A declaración destas ZEPAs mariñas baseouse nos resultados do proxecto LIFE+ INDEMARES Áreas Importantes para las Aves (IBA) marinas en España (2004-2009), desenvolvido pola Sociedade Española de Ornitología-SEO/BirdLife con apoio financeiro da Unión Europea e o Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino (Arcos et al. 2009). Así a ZEPA Espacio mariño de Punta de Candieira-Ría de Ortigueira-Estaca de Bares correspóndese coa IBA ES006 Punta de Candelaria-Ría de Ortigueira-Estaca de Bares, e a ZEPA ES0000494 Espacio marino de Cabo Peñas correspóndese coa IBA ES017 Cabo Busto-Luanco.

Entre os límites oriental da primeira e o occidental da segunda existe un amplo espazo mariño (115 km) sen aparente importancia ornitolóxica, sen catalogación como IBA ou declaración como ZEPA, seguramente debido á falla de datos. Evidentemente, as aves mariñas en migración outonal entre ambas ZEPAs teñen que pasar por algún lugar e moi posiblemente esta área de 115 km sexa un importante corredor migratorio para elas.

No que respecta á costa de Lugo, os 37,3 km comprendidos entre San Cibrao no concello de Cervo (límite leste da ZEPA Punta de Candieira-Ría de Ortigueira-Estaca de Bares) e a ría de Ribadeo (ZEPA ES0000085) non teñen ningún tipo de protección ambiental para as aves se exceptuamos os 2,33 km de liña costeira da ZEPA ES0000373 Ría de Foz. Datos moi puntuais suxiren que esta zona pode ter importancia para o paso migratorio de aves mariñas. P. ex. en Cabo Burela en diferentes datas dos anos 2000, 2001 e 2002 houbo un fluxo de 289 aves/hora de Calonectris diomedea, 418 a/h de Puffinus griseus, 974-1250 a/h de Morus bassanus, 26-69 a/h de Puffinus mauretanicus e 112-179 a/h de Sterna sandvicensis. Tamén a ría de Foz pode ter gran importancia para Larus fuscus, tanto no paso primaveral como no outonal con concentracións de 1132 aves o 17/02/2005, 1000 aves o 02/12/2009, 842 ex. o 28/03/2019 e 1934 ex. o 19/04/2019. Estas aves seguramente usen o corredor mariño migratorio da costa de Lugo.

Ademais, as aves que chegan á ZEPA ría de Foz tanto no paso migratorio como para invernar están en certo modo ameazadas pola falla de protección do mar próximo. Segundo o mapa de zonificación das augas territoriais españolas de acordo coa súa idoneidade ambiental para a instalación de parques eólicos mariños (Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Ministerio de Industria, Turismo y Comercio, 2009) unha ampla zona de mar comprendida entre Burela e a ría de Ribadeo sería considerada apta para a instalación destas centrais eólicas (ver ANEXO I). Isto constitúe unha ameaza clara para as aves e urxe ter datos consistentes para poder ampliar cara ao leste a ZEPA mariña Punta de Candieira-Ría de Ortigueira-Estaca de Bares ou declarar unha nova na costa luguesa.

Por isto a SGO vai iniciar un proxecto cos seguintes obxectivos:

  • Conseguir datos para cuantificar o paso migratorio ou estacionamento de aves mariñas no mar fronte á costa de Lugo comprendida entre San Cibrao e a ría de Ribadeo.
  • Conseguir datos do paso migratorio de aves mariñas para comparar cos obtidos en Estaca de Bares.

Unha vez analizados os datos obtidos, elaborar un informe que será público e, no caso de que os resutados así o demostren, sirva para presentar ante as administracións os valores ornitolóxicos deste espazo mariño e defender en consecuencia a súa protección como ZEPA Mariña por parte do Goberno.

Metodoloxía

Para participar será necesario saber identificar as distintas especies de aves mariñas habituais na costa e é imprescindible o uso de telescopio.

A metodoloxía a empregar será a utilizada para o seguimento de aves mariñas en Estaca de Bares (Sandoval 2015).

Contaranse as aves en paso entre o punto elixido e a liña de horizonte en calquera dirección, sempre en quendas de 15 minutos que permitirá un análise máis detallado dos datos. Non se terán en conta a Larus marinus, Larus michahellis, Phalacrocorax aristotelis e Phalacrocorax carbo, debido a que os seus movementos se deban posiblemente máis a desprazamentos de alimentación ou aos seus pousadoiros e polo tanto sexa difícil de diferenciar estes movementos de posible paso migratorio.

Baseándonos nas medias anuais de paso equivalente ao % de diferentes poboacións (globla/europea/Atlántico Norte) que pasan por Estaca de Bares (Sandoval 2015), o que en principio sería similar no tramo de costa de Lugo, estas son as prioritarias:

  • Morus bassanus (69% da poboación global)
  • Puffinus mauretanicus (63,66% da poboación global)
  • Stercorarius skua (14,9% poboación global)
  • Calonectris borealis (13,4% poboación global)
  • Puffinus puffinus (9,6-10;7% poboación global)
  • Thalasseus sandvicensis (16-16,5% poboación europea)
  • Melanitta nigra (2,1% poboación global)
  • Stercorarius pomarinus (3,9-9,8% poboación europea)
  • Larus fuscus (25% poboación europea en primavera)
  • Ardenna griseus (5% poboación Atlántico Norte)
  • Sterna hirundo/paradisaea (3,45% poboación bioxeográfica)
  • Stercorarius parasiticus (1-3,6% poboación europea)
  • Sterna albifrons (1,3-1,7% poboación europea occidental)

Estas especies son as que alcanzan unha maior porcentaxe da súa poboación no paso migratorio alcanzando importancia internacional en Estaca de Bares.

En cada xornada tomaranse os seguintes datos:

  • Lugar (Nome do punto de observación)
  • Data
  • Meteoroloxía (Soleado, Nuboso, Choiva, Néboa)
  • Estado da mar (Moi mala, Mala, Regular, Boa, Moi boa)
  • Visibilidade (Moi mala, Mala, Regular, Boa, Moi boa)
  • Dirección do vento (N, NE, E, SE, S, SO, O, NO)
  • Forza do vento (Escala Beaufort)

Os puntos preferentes de observación serán (ver ANEXO I):

1) Cabo Burela (29T 632.463 4836.536)
2) Punta de Fazouro (Foz) (29T 637.300 4829.274)
3) Punta do Prado-San Bartolo (Barreiros) (29T 642.461 4825.472)
4) Punta do Castro (Barreiros) (29T 647.191 4824.962)
5) Punta Corveira, Rinlo (Ribadeo) (29T 652.174 4824.842)

Cada punto deberase cubrir polo menos 2 días cada decena do mes (1-10, 11-20, 21-30 ou 31) durante como mínimo 3 horas/día entre os meses de xullo e novembro. As horas preferentes serán as 3 primeiras horas de luz do día ou as 3 últimas.

Para participar poñerse en contacto co coordinador Luis J. Salaverri a través do enderezo electrónico censos(arroba)sgosgo.org