SGO

Durante o inverno 2017/18 a SGO convoca un novo censo de millafre real invernante replicando o traballo realizado no inverno de 2013/14. Este proxecto ten por obxectivo avaliar a distribución e o tamaño poboacional da especie en Galicia durante o período central do inverno e comparar os resultados co anterior censo.

O millafre real é unha especie de presenza escasa e irregular no territorio galego, sen que se coñezan localidades de invernada estable e regular. Nembargantes, queremos aproveitar o elevado número de observacións deste outono para prestar especial atención á especie no territorio galego durante este inverno.

Datas. As datas preferentes do censo sitúanse entre o 20/12/17 e o 20/01/18 pero preferiblemente a fin de semana do 13 e 14/01/18. Dada a pequena entidade da poboación invernante da especie admítese certa flexibilidade nas datas segundo as circunstancias de cada colaborador e tendo en conta que debe ser o máis preto posible ás datas centrais.

Metodoloxía. Para colaborar neste traballo tes dúas posibilidades que requiren diferente esforzo e implicación segundo a túa dispoñibilidade de tempo:

1. Procura e censo de durmidoiros.

O millafre real concéntrase en durmidoiros para pasar a noite, feito que facilita a súa cuantificación. Trátase de detectar e localizar estas concentracións e contar o número de exemplares. Para detectar estas concentracións nocturnas haberá que seguir a dirección de voo dos individuos detectados entre 1 e 3 horas antes do solpor. As aves que se dirixen ao durmidoiro poden ser identificadas polo su voo direccional, relativamente rápido e a miúdo “aleteando”. Este voo é moi diferente do típico voo de prospección, lento, sen dirección definida, mesturando “planeos” e “cicleos”. O ideal é conducir a 30-50 km/h parando o coche cada 1-2 km, preferiblemente en puntos altos con boa visibilidade, tratando de localizar individuos en voo cara o durmidoiro. Seguidamente triangular as liñas de voo de diferentes exemplares sobre un mapa topográfico. Segundo nos achegamos ao durmidoiro, aumenta a frecuencia de observacións de distintos individuos voando cara él procedentes de distintas direccións. A maioría dos durmidoiros están asociados a un predurmidoiro, un área onde as aves se reúnen segundo van chegando as proximidades do durmidoiro. Os predurmidoiros están a miúdo a curta distancia do durmidoiro (20-500 m normalmente, 1 km como máximo).  

2. Envío de citas complementarias.

Recolleranse todas as citas da especie durante o período de censo que se estenderá dende o 20/12/2017 ate o 20/01/2018.

Para coñecer máis detalles do censo ou colaborar dun xeito máis activo podedes escribir aos coordinadores do censo:

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

Instruccións do censo en pdf.

 

Agardamos a vosa colaboración!