SGO

Os pasados 26 e 27 de abril celebráronse en Lobios as Xornadas sobre o estado de conservación das aves ameazadas de Galicia. Coa organización da SGO, durante a fin de semana xuntáronse na sede do Parque Natural da Baixa Limia- Serra do Xurés os principais expertos nas aves galegas para debater sobre o seu status, tendencias e problemáticas actuais.

O sábado 26 tivo lugar unha intensa xornada de ponencias sobre cada unha das especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. A xornada comezou cunha presentación do Xefe do Servizo de Conservación da Biodiversidade da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Jesús Santamarina, sobre o estado actual dos Plans de Recuperación e Conservación de especies ameazadas.

A participación foi elevada dende primeiras horas da mañá, chegando a encherse o auditorio durante a sesión da tarde:

As charlas curtas e agrupadas por grupos de especies facilitou o dinamismo da xornada e un interesante debate entre poñentes e público.

María Vidal presentou o Plan de Conservación da píllara das dunas Charadrius alexandrinus, xurdindo un interesante debate sobre a problemática asociada á falta de ordenación do uso público nos areais con presenza da especie.

Francisco Arcos foi o encargado de expor o estado de conservación da escribenta das canaveiras Emberiza schoeniclus, e os principais contidos do seu Plan de Recuperación. Tamén foi o responsable das ponencias sobre outras especies do Catálogo, como a cerceta Anas crecca, a garza pequena Ixobrychus minutus e o furabuchos balear Puffinus mauretanicus.

Pola súa banda, Jesús Domínguez presentou o estado da becacina Gallinago gallinago e o mazarico real Numenius arquata, ambas especies con poboacións moi localizadas e en risco de extinción en Galicia pero sen Plan de Recuperación aprobado.

Rafa Salvadores presentou de maneira conxunta as especies esteparias, que comparten tanto hábitat como ameazas nos seus principais enclaves galegos, derivadas fundamentalmente das modificacións nos usos agrarios: sisón Tetrax tetrax, pernileiro Burhinus oedicnemus e avefría Vanellus vanellus.

Xa na sesión de tarde, Alberto Velando, Álvaro Barros e Cristóbal Pérez incidiron nos factores de risco que inciden nas nosas colonias de aves mariñas ameazadas (e incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas), entre os que se poden citar as especies exóticas invasoras ou usos pesqueiros que non teñen en conta a conservación destas especies.

Xurxo Mouriño presentou o status actual en Galicia da gabita Haematopus ostralegus, ademais de reflexionar sobre a posible inclusión no Catálogo doutras especies como a gralla pequena Corvus monedula ou o gaivotón Larus marinus.

Algunhas das especies montanas foron presentadas por Xabier Vázquez Pumariño, que ademais de disertar sobre o estado de conservación das especies do xénero Circus incluídas no catálogo (tartaraña cincenta e gatafornela), presentou unha breve revisión do status da tartaraña das xunqueiras Circus aeruginosus, de cara a súa posible inclusión nese listado.

Ademais das tartarañas, outras especies montanas non forestais foron presentadas por Alberto Gil (aguia real Aquila chrysaetos, bufo real Bubo bubo, voitre branco Neophron percnopterus e papoazul Luscinia scevica) e Oscar Rivas (charrela Perdix perdix).

Finalmente, varios dos poñentes anteriores xunto con Luis Tapia (responsable tamén da ponencia sobre o rabirrubio de testa branca Phoenicurus phoenicurus) participaron nos dous últimos bloques, adicasdos a aquelas especies que estando incluídas no Catálogo galego resulta de difícil aplicación un Plan de Conservación/Recuperación (en base á súa presenza actual en Galicia), e a unha reflexión sobre posibles propostas de inclusión de novas especies no citado CGEA.

Tras a sesión "lúdica" das xornadas coa correspondente cea de confraternización, a mañá do domingo realizouse unha camiñata polo Parque Natural da Baixa Limia- Serra do Xurés, coñecendo as metodoloxías do programa de reforzamento da aguia real e visitando áreas de interese ornitolóxico desta serra.

Agardamos que as xornadas fosen do agrado de todos os asistentes! Proximamente publicarase un documento coas principais conclusións destas xornadas.