Estimada/o amiga/o,
Tal como se anunciou na pasada Asemblea Xeral da Sociedade Galega de Ornitoloxía celebrada no Auditorio Forum de Carballo (A Coruña) o pasado 25 de maio a SGO ten presentado ante o TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTICIA DE GALICIA un RECURSO CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO contra o Decreto 177/2018, do 27 de decembro, polo que se aprobaba o Plan rector de uso e xestión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Esta acción levase a cabo conxuntamente coa asociacion Verdegaia coa que se está colaborando.
É a primeira vez que a SGO acomete un proceso xudicial de denuncia en forma de contencioso contra a Administracion, motivado sen dubida polas respostas recibidas ás alegacións presentadas, cunha falta total de criterios de conservación e dunha mínima seriedade ás observacións realizadas pola SGO e por Verdegaia, nunha continua desconsideración e falta de atención ás queixas, que a través dos dous representantes do movemento ecoloxista no Padroado do Parque Nacional, téñense nos últimos anos presentado.
O corvo mariño cristado, nun moi acusado descenso das parellas reproductoras nos últimos anos, non merece nin unha mínima atención no PRUX, optándose por obviar os censos dos últimos anos da especie. A pardela cincenta, recente nidificante no Parque Nacional é igualmente obviada a nivel de xestión, o mesmo cunha especie como a pardela balear, que mantén importantes zonas de alimentacion e estancia no entorno do Parque, sendo unha especie catalogada pola UICN como en peligro critico a nivel mundial, e considerada en Peligro de Extincion polo Catalogo galego e español de aves ameazadas.
En canto a zonificación resultante no PRUX, a zona mariña de reserva é dun 0 % do total e a zona mariña de uso moderado-reserva só dun 1,2% do entorno do arquipelago de Cies, cunha falta de avaliación cun mínimo grado de detalle do impacto da actividade pesqueira, e en particular de certas artes de pesca como o enmalle, nas zonas de alimentacion do corvo mariño cristado.
A SGO ten debatido xa na Asamblea de 2018, e tamén máis concretamente no "Taller sobre a protección da biodiversidade: a conservación das aves e a estratexia da súa protección desde a denuncia" levado a cabo en decembro de 2018, as opcións, riscos e oportunidade deste tipo de accións de denuncia máis ala da vía administrativa, pola que agora optamos. O contencioso ten sido xa aceptado procesalmente estando na actualidade preparándose a motivación do recurso.