Os pasados 27 e 28 de Febreiro organizamos xunto co CEIDA unha nova edición das xornadas de iniciación á ornitoloxía, contando tamén coa colaboración do Grupo Naturalista Hábitat, a Fundación Biodiversidade e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo.
As xornadas tiveron un notable éxito de participación, con aproximadamente 50 participantes que nos acompañaron durante as charlas do venres e a saída do sábado, nesta ocasión pola ría do Burgo.
A sesión didáctica do venres comezou cunha charla de Oscar Rivas sobre o emprego das caixas-niño para aves. Posteriormente e relacionada coa anterior, Martiño Cabana da AGCT comentou as vantaxes dos comedeiros, e falounos das distintas maneiras de axudar ás aves coa súa construcción.
Cosme Damián Romai presentou o proxecto do Atlas de Nomes Vernáculos de Galicia e da importancia de preservar este patrimonio inmaterial.
Finalmente, as dúas últimas charlas serviron para axudar aos asistentes a coñecer mellor as aves da comarca das Mariñas: Antonio Sandoval, gran coñecedor da ría do Burgo, falounos das súas aves; e Sergio París fixo un repaso das presentes na Reserva da Biosfera, da man de catro especies emblemáticas da zona.
O sábado agardábanos un paseo pola ría do Burgo para coñecer de preto as aves que a habitan. O día recibiunos anubrado e cun monótono orballo, pero que non impediu que disfrutásemos dunha agradable mañá.
As explicacións de Antonio son unha guía inmellorable para coñecer a riqueza ornitolóxica da ría do Burgo...
Unha das estrelas da xornada foi o Ibis sagrado (Threskiornis aethiopicus) procedente dun escape e que xa leva varios meses na ría, xunto con outras especies invernantes habituais como os biluricos patirrubios (Tringa totanus) e claros (Tringa nebularia)
Pero deixando a un lado a anécdota da presenza dun exotismo como o ibis, a especie mais interesante e que puidemos observar a pracer foi unha das gaivotas de Delaware (Larus delawarensis) que pasaron o inverno nesta pequena ría.
Agardámosvos nunha vindeira edición, incluídos os mais pequenos da casa!