Juan Mosquera Candal reside en Santa Cruz de Montaos, concello de Ordes, onde naceu en 1913. Xa desde mozo, a raíz da petición dun mestre seu, comezou a recoller na súa vivenda diversas variables meteorolóxicas axudado de instrumentos básicos de medición: termómetro, pluviómetro e barómetro. Desde 1949 leva subministrando un considerable volume de información referido a Santa Cruz de Montaos a Madrid, en concreto á que actualmente se coñece como Agencia Estatal de Meteorología.
Juan Mosquera Candal. Montaos (Ordes), abril de 2014 © C.D. Romay
Pero Juan é tamén un ornitólogo de longa traxectoria: desde sempre prestou atención ás aves que o rodeaban, e desde 1950 recolle as primeras chegadas de varias especies de aves para tamén subministrárllelas á base de datos de fenoloxía da devandita Axencia.
Falo con el en abril de 2014 no seu fogar ordés. Poño os nomes vernáculos fornecidos, así como os nomes científicos, en cursiva. Non transcribo a gheada e seseo que emprega, agás para os nomes vernáculos. Emprega varios castelanismos, que poño tamén en cursiva:
Pregunta: Boas tardes señor Juan! Unha honra poder entrevistalo para a Sociedade Galega de Ornitoloxía.
Resposta: Non hai problema. Aínda viñeron os de La Voz de Galicia hai pouco (sorrí).
P: Vostede, que é afeccionado á meteoroloxía, recolle tamén datos de aves estivais.
R: Si, si.
P: Unha delas é o cirrio común. Como lle chaman en Montaos?
R: Vensegho. Ese é o nome, non sei se ten algún vulgar, pero, oficialmente, é vencejo común. É ese que anda por riba das poboacións: “íiiiii… íiiiii”. Ten as alas larghas, se se pousa no suelo non se pode levantar… hai que levantalo.
P: Cabo da miña aldea chámanlle a rondalla.
R: Ah! o arrendajo!
P: Non, non, rondalla!
R: Claro claro, pode ser, porque o arrendajo é a pegha marza.
P: E a cegoña?
R: Non non, aquí non ven. Eu téñoa visto contra Lugo.
P: E outras?
R: (Juan repasa uns papeis) Este é o ghalo marino (sinala á Vanellus vanellus). Chamámoslle ghalo marino. Antes viñan manadas e manadas. Agora hai que xa non ven. E esta é a bubela: “uuu uuu, uuu uuu”. Díxome un fulano da Senra que viñeron dúas.
P: Agora?
R: Si si, estes días.
E esta coñécela? (sinálame un debuxo de Streptopelia turtur).
P: A rula!
R: Si si… tórtola común. Agora hai outras, que son turcas, que hai polos xardíns. Agora estendéronse por Europa toda. Cando eu comía na cociña, viña canda a min…
P: Viu este ano a outra?
R: Non, non, aínda non.
Este é o vencegho común. Ese é o que anda por riba das iglesias, e ten que ter para anidar... buracos. Pero agora como taparon todo, non ten onde meterse. E este… (pasa follas) é a oropéndola. Aquí chámanlle o papaghaio. Outro dinlle o vichelocregho. Díxome un profesor de Santiago: “ese tiene siete nombres vulgares”. Agora por aquí non hai.
P: Por qué desapareceu?
R: Non sei. Eu hai 12 anos que non o sinto. Eu acórdome cando era rapaz dicía “quen me dera pillalo, do bonito que é”. Pero non sei porque desapareceu…
P: Pode ser polo que pasa polos sitios de invernada, ao sur do Sáhara. Ao igual que lle pode pasar á anduriña de cu branco… que igual coñece, que fai os niños pegados aos edificios…
R: Ai!!! Si… Agora agora… (atopa unha folla) o avión común!
P: Ese ese!
R: Unha vez cerca de Ordes, díxome un fulano de camiño ao prado, preguntoume “e que paxaro será ese? E era o avión común. En Betanzos hai máis. Volando xa se ve cal é, a gholondrina non é. A gholondrina ten a pechera. E esta xa veu. E o avión… vírono outro día en Ordes. Anda case sempre coa gholondrina. Deben ser da familia…
P. Vostede ten datos desde cando?
R: Desde hai 65 anos! A miña primeira profesión foi de peón caminero, logo preparei a praza de capataz por oposición. De andar tanto na carretera, íame fixando. E un maestro en Pereira, unha parroquia que limita con esta (Montaos), díxome que buscaban observadores altruístas entre maestros, ingenieros, e demais. E comentoumo. E escribinlle unha carta ao centro meteorológico da Coruña e mandáronme todo, o termómetro, o pluviómetro…
P: Pero datos de aves?
R: Mando datos de aves desde o ano 50.
P: Desde o 50!
R: Si si. Eu mandei moitos datos! A Madrid. E tamén das plantas. Mandei datos de todo, tamén me pediron datos da universidad de Barcelona.
P: Nota vostede que as andoriñas chegan antes co paso do tempo?
R: Eu penso que máis ou menos por aí. Agora a andoriña chegan no mes de marzo, case sempre.
P: E o cuco?
R: Agora hai pouco, e síntese rara vez. Eu vou pola parroquia e pregunto: “e o cuco veu?”. E dinme: “Veu o cuco, tal día”. E dicía o meu buelo: “Si el 25 de abril el cuco no ha venido, o muerte o fuga de agua ha tenido”. Agora ninguién me di nada. E como a bubilla, que aínda se ve aínda pola Senra. Os datos do avión común e da bubilla téñoos para dalos este mes. E tamén a ver se se ve a tórtola.
P: Pode anotar que xa se veu no Grove e en Cambados.
R: Ah! Pero alí se cadra alí ven máis cedo.
P: Si, pero igual nunha semana xa a ten por aquí.
R: Pode ser… Gústame moito o da fenología. E gustábame moito Rodríguez de La Fuente. Moito aprendín del. E o que non sei pregunto. Tamén aos profesores da universidade.
P: E sobre aves que foron máis abundantes?
R: A gholondrina xa foi máis escasa. Agora hai máis. Xa fixeron mapas aquí coas que hai aquí. Eu mando datos e en Madrid fan os mapas. Teño aí 65 cadernos, de cada ano. Mira para aí (vai a un moble cheo de cadernos).
P: Vaia! Non está mal…
R: Non, ho… (sorrí).
Juan Mosquera Candal coa lámina do peifoque.
Montaos (Ordes), abril de 2014 © C. D. Romay
P: Hai paxaros que estean aquí todo o ano?
R: Hai partes na que as gholondrinas quedan. Aquí marchan. Pero é abraiante, como acertan. Pero a ciencia cierta non se sabe como fan.
P: E as que non son migratorias? Por exemplo o melro…
R: Ese está sempre aquí. Co mesmo traxe… (sorrí). Logo están os tordos, que son como os melros pero de vestimenta de distinta cor. Logo está o petirrojo, que me viñan á horta, e andaban detrás de mi. Aquí chámanlle peifoque. Mira para aquí… (móstrame unha lámina cunha ilustración que di: “Peifoque. Amigo y colaborador con los trabajadores de huertas y jardines”.
P: Logo hai un pequeniño…
R: Ese é o carrizo! Ah, pero ese cría oito fillos! E é moi enamoradizo, porque está cunha femia, e cando ela incuba, el vaise con outras (sorrí).
P: Sabe de paxaros que había antes, ou que oíra que había, e que agora non hai?
R: A pegha marza, o arrendajo, antes había máis. Pero debe ser bocado da rapiña. De pequeno criábaas, e quitáballe o rabo. Agora volve haber máis. Pero antes comíase… prefíroa ao pombo.
P: Anda! E como a comían, fervida?
R: Ou frita! Pero a rabuda non, a branca e negra, esa non. É moi cocha.
P: E outros paxaros que se collían?
R: Ai! Antes había moitos corvos. Agora hai, pero non bandadas grandísimas como había antes. E a gholondrina estivo moi achicada. Agora hai zonas que non hai ningunha, pero noutras hai máis abundancia. E o avión común foi moito a menos. En Ordes, eu víaos. Pero un ano fallaron. E iso que houbera un ano que viñeran moitísimos. Moita xente parécelle a gholondrina e chámanlle gholondrina, pero hai diferencias.
P: De noite hai algún paxaro que faga así (imito o ulular dun Strix aluco)?
R: Ah! Pero si… ese é o moucho, pero aquí non se ve agora. Está en extinción. Aquí o moucho nada. Antes íamos de noite á Paponda, e oíamos iso. Pero agora non se ve.
P: E outro pequeno, que fai así (imito o “miu miu” do Athene noctua)…
R: Así tamén fai o moucho. Pero hai moito que non o vexo. A xente dicía que era sinal de que alguén ía morrer… pero eso é unha tontería!
P: E outra, que fai así? (imito á Tyto alba).
R: Sóname… Ah! esa é a cruxa. Aquí chamámoslle así… Agora vense poucas, pero eu téñoas collido na igrexa. Pero son bonitas!
P: Pois moitas grazas, don Juan. Un pracer!
R: De nada, ho!
Por Cosme Damián Romay Cousido.
Agradecementos: a Alexia del Río García, a Manuel Antonio Pazos Rey e, claro está, a Juan Mosquera por facer posible esta entrevista.
Entrevista en pdf.