O IX Congreso Galego de Ornitoloxía, organizado pola Sociedade Galega de Ornitoloxía, terá lugar o último fin de semana de novembro no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Pontevedra, centrado nos Efectos dos cambios ambientais e territoriais nas aves galegas.
O cambio dos usos do solo está considerado na actualidade o principal impulsor do cambio ambiental global, por enriba incluso do cambio climático. As intensas taxas actuais de modificación do territorio teñen un obvio impacto nas poboacións de aves que este alberga, xa que ademais da dinámica propia das poboacións naturais vense afectadas polos cambios ambientais inducidos pola actividade humana.
Esta dinámica de cambios ambientais ven sendo moi manifesta en Galicia dende a segunda metade do século XX, onde os cambios socioeconómicos reflíctense nunha serie de cambios territoriais que levan á modificación dos hábitats e, en último termo, tamén dos ecosistemas.
Pódese ilustrar a afirmación anterior indicando que, por exemplo, a superficie forestal en Galicia incrementouse significativamente nas últimas 4 décadas debido, fundamentalmente, a un fenómeno constante de desagrarización do territorio e ao incremento dos cultivos forestais de especies de crecemento rápido como o piñeiro e o eucalipto. Sen esquecer que nalgunhas zonas do territorio este fenómeno favoreceu a recuperación de superficie de bosque autóctono.
A superficie agraria útil (SAU) galega diminuíu 150.000 ha nos últimos 40 anos, período no que a poboación galega pasou a ser eminentemente urbana (a poboación rural supón na actualidade unicamente o 24% da poboación galega). Este fenómeno implica profundas transformacións no medio rural e o incremento da superficie ocupada por infraestruturas urbanas e industriais (núcleos de poboación, estradas, autoestradas, polígonos industriais).