SGO

O Mazarico real é unha das limícolas máis grandes do Paleártico occidental, cunha lonxitude de 50-60 cm e unha envergadura de 80-100 cm. É de doada identificación, pola presenza dun pico curvado característico, sendo o da femia sensiblemente maior co do macho.

A poboación nidificante ibérica é antiga, con presenza referida a Galicia e Asturias. Na actualidade só cría en Galicia, concretamente na Terra Chá (Lugo), se ben houbo outro núcleo de nidificación principal, situado na comarca da Limia (Ourense), o carón da antiga lagoa de Antela. Deste núcleo limiano hai información de cría continuada durante o período 1930-1960, cunha derradeira mención de reprodución en 1983.

Na comarca de Terra Chá parece probable que fose reprodutor habitual o longo do século XX, aínda que as mencións de posibles intentos de reprodución abranguen entre 1960 e 1980. Dende comezo da década de 1990 publícanse observacións de cría nos concellos de Cospeito e Castro de Rei, pero dende 2007 a poboación nidificante está localizada neste último concello.

A poboación de mazarico de Terra Chá é estacional e altamente filopátrica, chegando os exemplares reprodutores habitualmente o longo de marzo e permanecendo aquí até finais de xuño ou xullo. Nos derradeiros anos a poboación reprodutora oscilou entre 3 é 5 parellas, podendo considerarse estable. Se asenta nunha superficie adxacente ó aeródromo de Rozas, ocupada maioritariamente  por breixos e uceiras de pouca altura, rodeada por prados, campos de cultivo e pequenos bosquetes.

A diminución de efectivos, a contracción da área de distribución e o tamaño actual da poboación levou a inclusión da poboación nidificante española na categoría de “En Perigo de Extinción” no Catálogo Español de Especies Ameazadas (Real Decreto 139/2011, do 4 de febreiro) e na mesma categoría no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007, do 19 de abril).

A principal ameaza sobre esta poboación probablemente se relacione coa destrución e alteración de hábitat de nidificación e procura de alimento. Nas últimas décadas produciuse na Terra Chá unha diminución das áreas de mato, en beneficio de repoboacións forestais feitas con piñeiro ou, mais recentemente, con eucalipto. Estas repoboacións supuxeron a perda de zonas tradicionais de cría desta limícola. Xunto a isto, a transformación de prados de sega en cultivos, fundamentalmente de millo, supón tamén unha ameaza para as posibilidades de desprazamento das familias con polos en fase de crecemento, xa que estas praderías son fundamentais como áreas de alimentación.

A supervivencia da poboación nidificante depende críticamente do mantemento da parcela de landa e mato onde se asentan as parellas reprodutoras. Até de agora esta parcela viuse beneficiada por ser de propiedade estatal, estar libre de repoboacións forestais e presentar un uso humano moi reducido durante o período reprodutivo. É imprescindible que estas características se manteñan para que a capacidade de acollida do hábitat non diminúa.

A precariedade desta poboación urxe a promulgación do decreto que aprobe o Plan de Recuperación do Mazarico real en Galicia, no que se recollan o conxunto de medidas de xestión da especie e do hábitat imprescindibles para asegurar a súa conservación. Posiblemente non quede moito tempo. En xogo están os últimos nidificantes da península Ibérica.

Coa intención de divulgar a problemática desta especie e a importancia e responsabilidade que supón para a sociedade galega a conservación da última poboación reprodutora ibérica, no derradeiro Congreso Galego de Ornitoloxía celebrado en Pontevedra a Sociedade Galega de Ornitoloxía declarou ao mazarico real como Ave do Ano 2017 en Galicia.