A SGO colabora con ADEGA na loita xurídica contra os proxectos eólicos que afectan á montaña Oriental Galega
|
Status da gralla pequena en 2013 e censo da poboación invernante de millafre real en 2022-2023 |
|
|||
Dende a SGO vimos de unirnos á campaña TI PODES PARALOS impulsada por ADEGA para reunir os fondos necesarios para defender nos tribunais o medio ambiente e o rural galego fronte a actual invasión eólica. Dentro desta campaña, a SGO colaborará na loita xurídica contra os proxectos eólicos que afectan á montaña oriental de Lugo e Ourense. Esta zona alberga os espazos de maior valor ambiental do interior de Galicia, sendo o último refuxio de moitas especies ameazadas de aves e outros vertebrados que se verán especialmente afectados de levarse a cabo estes proxectos. A nosa colaboración estrutúrase en tres eixes: difusión, apoio técnico e apoio económico. O primeiro proxecto no que empezamos a colaborar é o Parque Eólico Rodicio II na contorna do Bidueiral de Montederramo (Maceda e Montederramo), un lugar de alto interese na nosa terra para as aves de rapina: https://tipodesparalos.helpbysc.com/rodicioii. Animámosvos a participar nesta campaña de captación de fondos para poder salvar esta zona de interese para as aves do impacto irreversible deste proxecto. |
No apartado de Estudos e censos podes consultar e descargar os informes cos resultados dos censos de gralla pequena en 2013, especie declarada Ave do Ano naquel momento, e do censo da poboación invernante de millafre real realizado pola SGO no marco do proxecto LIFE EUROKITE (LIFE18 NAT / AT / 000048). Status da gralla pequena en Galicia 2013 Censo da poboación invernante de millafre real en Galicia 2022-2023 |
Últimas novas
30.10.2023. Sociedade Galega de Ornitoloxía, Sociedad Española de Ornitología (SEO/BirdLife), e Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) veñen de presentar as correspondentes alegacións ao Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 42 captacións de augas subterráneas "A Limia 2022", polos graves impactos que podería causasr en espazos e especies protexidas. Ver nota de prensa.
09.03.2023. Crime perfecto fronte as costas galegas. A área mariña fronte ao noroeste da Península Ibérica é de extraordinaria importancia, a nivel europeo, atlántico e mesmo global, como corredor migratorio e zona de invernada para centos de milleiros de aves mariñas de ducias de especies. O recentemente aprobado Plan de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), obviando de xeito inaceptable o principio de precaución, inclúe boa parte desas augas exteriores en 5 “Zonas de alto potencial para o desenvolvemento da enerxía eólica mariña”.
Este erro gravísimo precisa ser revertido. En aplicación do principio de “primeiro, investigación, e despois ordenación”, o POEM debería plantexar estudos e prudencia, e non situar esas “zonas potenciais para o desenvolvemento da enerxía eólica mariña” en lugares cuxa importancia para as aves podemos certamente supoñer. Consulta aquí o manifesto completo das entidades conservacionistas galegas.
23.040.2021. A Xunta persiste no biocidio da rula. A SGO e outras entidades ambientais están alarmadas pola actitude obstinada da Administración galega en contra do patrimonio natural. Xa anunciou no Comité Galego de Caza que manterá a media veda na Limia e non tomará medidas eficaces para evitar o declive da rula, unha especie ameazada. Malia o risco de sancións económicas, continúa desatendendo o ultimato da Comisión Europea por vulnerar repetidamente a Directiva Aves. Máis info aquí.
23.04.2021. A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) presenta alegacións ó proxecto da Delegación Provincial de Costas en Lugo para a praia do Altar, solicitando a súa desestimación polo alto impacto ambiental sobre a ría de Foz. Máis info aquí.
23.04.2021. Sete entidades de conservación da natureza galegas solicitan información á Consellería de Medio Ambiente sobre as propostas de aplicación dos fondos “Next Generation”. Máis info aquí.
20.01.2021. O Comité Avifaunístico da SGO publica o informe correspondente ás observacións de aves raras en Galicia no bienio 2018-2019. Podes descargalo aquí.
23.11.2020. A SGO apoia o manifesto "Aldeas con horizontes", por unha moratoria de novos parques eólicos e por un novo modelo de desenvolvemento eólico para Galicia.
Uns 60 colectivos galegos do ámbito ecoloxista, sindical, veciñal, cultural, xunto con plataformas de persoas e comunidades de montes afectadas por parques eólicos abusivos en Galiza lanzan o manifesto "Aldeas con Horizonte" polo que demandan a moratoria de novos parques eólicos, a revisión dos xa aprobados nos que haxa conflito social e/ou ambiental e a elaboración dun novo marco normativo en materia eólica que promova no país un modelo de implantacion desta enerxía máis ordenado, sostíble, social, participativo, xusto e racional. Os colectivos asinantes pretenden con este manifesto alertar sobre a ameaza que está a supoñer para o rural galego a actual implantación de parques eólicos e que segue un modelo depredador e abusivo coas comunidades locais, ademais de desatender a normativa actual en materia ambiental, patrimonial e paisaxística. O manifesto que hoxe sal a luz indica un mínimo de 15 principios básicos que deberan guiar a nova normativa de desenvolvemento eólico en Galiza. Podes ler o manifesto aquí.