NOTA INFORMATIVA
CREACIÓN DO GRUPO DE TRABALLO DA ÁGUIA REAL DA SGO
Na última reunión da Xunta Directiva da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) aprobouse a creación do Grupo de Traballo da Águia Real (GTAR).
Este grupo ven aglutinar os esforzos que nos eidos da investigación científica e a conservación das águias reais galegas viñan desenvolvendo dende hai tempo distintas persoas, biólogos e naturalistas, membros todos eles da SGO.
A especie atópase na actualidade nunha situación crítica que precisa de actuacións urxentes que permitan correxir o seu actual declive, estabilizar a sua poboación en niveis viábeis e, idealmente, traballar pola reocupación de territorios hoxe abandoados ao longo do seu rango de distribución histórica.
Entre os obxetivos principais do GTAR están os seguintes:
- Promover o estudio e o coñecemento científico da águia real en Galicia que no referente a certos aspectos claves para a súa conservación é notoriamente insuficiente.
- Traballar activamente pola conservación da especie adicando un especial esforzo a identificación de ameazas, ofrecendo a colaboración do GTAR na aplicación das medidas correctoras precisas que fosen eventualmente desenvolvidas por parte das Administracións ou calquera outra organización ou institución implicadas na conservación da especie.
- Actuar por delegación da SGO como interlocutor diante das Administracións, investigadores, naturalistas e sociedade en xeral, en todos aqueles temas relacionados cos avances no coñecemento científico das águias reais galegas e as actividades dirixidas a súa protección e conservación.
Para acadar estes obxetivos o GTAR precisa da colaboración de todas aquelas persoas e institucións que desexen traballar xuntas a prol das nosas últimas águias reais, e nese senso fai un chamamento a todolos interesados, e moi especialmente aos socios da SGO, a participar desta tarefa.
Os traballos do Grupo van estar coordinados por:
J. Carlos Epifanio, naturalista e Secretario da SGO, e Porfirio Solla, biólogo e membro da SGO.
O contacto co Grupo farase a través do enderezo de correo electrónico seguinte:
aguiareal "arroba" sgosgo.org
Santiago de Compostela, 26 de Xaneiro de 2007 |