A SGO é unha asociación dedicada ó estudio científico e a conservación das aves silvestres e dos seus hábitats en Galicia
Noticiario Ornitolóxico
 GRUPOS DE TRABALLO
SEGUIMENTO DOS EFECTOS DA MAREA NEGRA DO PRESTIGE NAS POBOACIÓNS DE AVES MARIÑAS, ACUÁTICAS E DA BEIRAMAR: CENSO DE AVES PETROLEADAS.

Descrición:

Este seguimento recollería dous tipos de datos: dun lado o número de aves petroleadas e limpas en bandos observados en calquera momento e lugar; e doutro, o número de limícolas petroleadas e limpas en tramos seleccionados do litoral. Importante: isto non é un censo nin tampouco un rexistro de aves varadas. Para nos entender, chamarémoslle ó primeiro "control de bandos" e, ó segundo, "censo de limícolas da beiramar". Pasamos, deseguido, a describir a metodoloxía básica proposta para cada un deles:


1.- CONTROL DE BANDOS

O obxectivo é describir ó longo do tempo os cambios na proporción de aves manchadas con fuel en bandos de aves mariñas e acuáticas. Vale calquera bando en calquera momento e lugar. Para cada bando observado tomaríamos a seguinte información: a) Localización, indicando localidade (por exemplo praia ou porto) e concello; b) Data; c) Hora; d) nº de aves adultas limpas e petroleadas de cada especie; e) nº de xuvenís ou femias (de ser doado distinguilos) limpos e petroleados de cada especie.

Aínda que valen datos de bandos de calquera especie, consideramos que deberíamos concentra-los nosos esforzos nas seguintes especies ou grupos:

- Gaivotas
- Álcidos
- Phalacrocorax aristotelis

Para máis información e, se cadra, resolver algunha dúbida podes enviar un correo a Nacho Munilla ó seguinte enderezo: imuni@uvigo.es.


2.- CENSO DE LIMÍCOLAS DA BEIRAMAR

O obxectivo é intentar coñecer que pasa cas poboacións das especies de limícolas que, por utilizar hábitats moi afectados pola marea negra (praias abertas, intermareal rochosa, cantís baixos, etc.) corren un risco grande de sufrir moitas baixas. Polo mesmo motivo estas especies "escápanse" ós censos tradicionais de acuáticas por concentrarse éstes nas zonas de esteiro. As preguntas son: ¿haberá cambios temporais no tamaño das poboacións de limícolas nos tramos seleccionados? ¿estarán estes cambios correlacionados cos cambios na proporción de limícolas petroleadas?

Trátase de censos completos de limícolas cada dúas semanas, en tramos seleccionados do litoral. Aínda que son igualmente interesantes os datos doutras limícolas, habería que prestarlle atención primordial ás seguintes especies de interese:

- Actitis hypoleucos
- Arenaria interpres
- Calidris alba
- Calidris maritimus
- Charadrius alexandrinus
- Haematopus ostralegus

Igual que no caso anterior a unidade de mostraxe é o bando e, polo tanto, colleremos a información do mesmo xeito que no control de bandos. Éimprescindible que haxa un responsable de cada un dos tramos seleccionados. Esta persoa quedaría encargada de de organizar ós observadores e ocuparse de que o tramo se cense cando corresponda.

Se queres participar neste censo como "encargado" ou como "observador" mándalle unha mensaxe a Pancho Arcos ó seguinte enderezo: farcos@arrakis.es .


NOTAS DE INTERESE

Calidade da observación: ten que ser boa e, preferiblemente, de aves pousadas vistas de fronte ou de través.

Bando: empregamos esta palabra para nos referir, igualmente, a concentracións ou agregados como os que se dan nos pousadeiros de limícolas cando a preamar.

Xuvenís e femias: o motivo de diferenciar femias e xuvenís é que, para certas especies, probablemente é máis fácil de detectar un adulto petroleado.

Phalacrocorax aristotelis: interesa controlar ós corvos en pousadeiros e distinguir entre adultos e xuvenís, xa que nestes últimos é mais doado comprobar si están petroleados.

Gaivotas: neste grupo xuntaremos, como é de rigor, os xuvenís (gaivotas pardas) de L. argentatus, L. fuscus e L. cachinnans.

Álcidos: Moi interesante revisar polo miúdo os portos; neste caso o "bando" sería o número de álcidos (sobre todo Alca torda) nese porto. Algo semellante se podería aplicar para os colimbos (Gaviidae) dunha praia ou enseada.


INTRODUCCIÓN DE REXISTROS E ACCESO Á INFORMACIÓN RECOLLIDA

Se queres acceder á información recollida, así coma introducir rexistros pica aquí.

NOTA FINAL: Este estudio está aberto á colaboración de calquera persoa, organización e institución.