RESULTADOS PROVISIONAIS DO PROXECTO EUCALIPTOS. ANO 2003.
Carlos Outeiral, Sofía Leis, José Otero, Eva Villares, José de Souza, Paco Gómez de la Torre, Luis Salaverri, Francisco Javier Rodríguez, Xoán Collazo, Miguel Conde, Álvaro Santos, Rubén Blanco, Gonzalo Mucientes, José Guitian, Teresa Bermejo.
Introducción Como se recordará, o obxectivo era comparar a riqueza de especies e a abundancia de aves en eucaliptais e en fragas situadas na mesma comarca. A hipótese de partida era que os eucaliptais conteñen menos especies e menos individuos que as fragas situadas na mesma zona, ou o que é o mesmo, se se substitúen fragas por cultivos de eucaliptos pérdese diversidade e número de aves.
Métodos Propuxéronse censos emparellados de eucaliptais e fragas seleccionados na mesma zona. O método consistiu en percorridos nos que se apuntaban as aves e os individuos sen diferenciación de banda de censo. Recibíronse 13 fichas válidas e completas, cun total de 26 censos. 8 localidades (16 censos) foron da Coruña, 4 de Pontevedra e 1 de Lugo. Para a comparación de eucaliptos/fragas utilizouse un test de Wilcoxon para datos emparellados, previo cálculo dunha correlación de Spearman entre ambas series de datos. É dicir primeiro probamos que diversidade de especies e abundancias están correspondidas entre sitios (as localidades que teñen máis aves ou máis especies en eucaliptais teñen tamén máis aves e máis especies nas fragas) e logo aplicamos o test de diferencias entre parellas para tódalas localidades.
Resultados Os eucaliptais teñen menos especies que as fragas: 7,84 especies de media (desviación típica 3,84) fronte a 12,92 (dt: 3,47). Os eucaliptais teñen menos aves que as fragas: 28,5 aves/km (dt: 31, 5) fronte a 52,1 aves/km (dt: 17,7). En ningún caso o eucaliptal dunha localidade ten máis especies que a fraga parella e en tan só nun caso un eucaliptal dunha localidade ten máis aves/km que a fraga parella. As diferencias entre eucaliptais e fragas foi estatisticamente significativa, tanto para especies (p<0,001 Wilcoxon) como para a abundancia (p<0,05 Wilcoxon). Os resultados mostran inequivocamente que o cultivo de eucalipto é máis pobre que a carballeira (pura ou mixta). En case tódolos casos, o eucaliptal é unha mostra empobrecida da fraga, é dicir, non hai nel aves distintas, senón só unha parte das aves da fraga. A especie máis común no cultivo de eucaliptos é a carriza (Troglodytes troglodytes).
Plan para o 2004 Trataremos, en primeiro lugar, de reunir un número maior de parellas eucalipto/fraga para aumentar o tamaño mostral. Deberiamos chegar a 35-40 pares de parcelas. Se o conseguimos no 2004, poderemos presentar resultados definitivos o ano próximo por estas datas. En segundo lugar, e para todo aquel ó que lle sobre tempo, unha vez buscada unha nova localidade, poderían repetirse ademais as localidades deste ano.
OBXECTIVOS E METODOLOXÍA.
Introducción Como todos sabedes, propuxémonos comezar algún estudio conxunto que permitira participar ó maior número posible de socios, para (1) tratar de animar este campo de actividades da Sociedade Galega de Ornitoloxía, e (2) tratar de aproveitar a procedencia dos membros da sociedade para desenvolver algo con dimensión xeográfica ampla.
Despois dunhas charlas en Santiago, sobre o tipo de traballo que poderíamos desenvolver, saíu adiante, entre outras, a idea da avifauna dos eucaliptais galegos. Dende sempre se dixo que os eucaliptais galegos teñen poucas especies e pouca abundancia de aves. A evidencia (moi escasa) de que dispoñemos, apunta nesa dirección.
Como queira que o eucalipto está por todas partes na zona costeira, por debaixo de 400 ou 500 m, e que algunhas previsións falan da posibilidade de aumenta-la superficie actual deste cultivo en contra doutros hábitats, parécenos interesante sabe-lo que estamos perdendo e imos perder de riqueza de aves con esta movida madeireira.
O obxectivo concreto do estudio é dispor de datos actuais comparativos entre a avifauna dos eucaliptais e a avifauna doutros bosques, ó longo de toda a franxa que ocupa o cultivo de eucalipto en Galicia.
Método de traballo O que pretendemos é reunir un bo número de localidades, para que os resultados (nun ou noutro sentido) sexan xeneralizables e para que non se volva a discutir, nos foros ecoloxistas, na administración, etc., se os eucaliptais galegos teñen ou non teñen unha boa riqueza de aves.
O ideal sería reunir entre 40 e 50 parcelas de eucaliptal, seleccionadas entre a rasa de Ribadeo e Portugal. Para iso necesitamos a colaboración doutros tantos socios ou duns poucos menos, se unha persoa se fai cargo de dúas ou máis parcelas.
1.- Unha vez escollido o eucaliptal (o máis extenso posible e o máis puro posible), trátase de buscar un camiño, senda, etc. que permita facer un itinerario de 1000 m (1200-1400 pasos). Se non se pode acadar esta lonxitude, en calquera caso, o mínimo para que o censo sexa válido son 500 m.
2.- Paralelamente, temos que escoller o máis cerca posible ó eucaliptal, outro itinerario da mesma lonxitude. Trátase de comparar co máis parecido ó bosque natural da comarca en que se fagan os censos. Resulta que en moitos lugares da franxa costeira non quedan fragas puras para comparar. Nese caso buscaremos o que máis se pareza: fragas con piñeiros, piñeirais con carballos, etc. Non ten moito sentido comparar o eucaliptal cun piñeiral puro, repoboado para explotación de madeira. Polo tanto os piñeirais puros non serven. Poden servir os bosques de ribeira, sempre que non sexa unha banda estreita de arboriños no mesmo río rodeada de cultivos ou prados. O que se busca en unha ribeira cun mínimo de 100 m de arborado a cada lado do río. Non e necesario separarse nada do río. As especies propias da auga (lavandeira, merlo rieiro, etc.) non se van ter en conta. Con respecto a separación entre a parcela de eucalipto e a parcela de bosque, canto máis próximas mellor. Nunca máis afastadas entre si de 30 km en liña recta.
3.- Percorremos estes dous itinerarios, nas mesmas datas (intervalo de 2-3 días se pode ser), camiñando a modo e anotando tódalas aves vistas ou oídas (especies e número de individuos), sen diferenciar ningún tipo de banda de mostraxe nin nada polo estilo. Os datos que imos comparar serán (1) número de especies (2) IKAs, é dicir, número de aves de cada especie por quilómetro percorrido.
4.- En principio faláramos de facer dous censos. Este ano imos quedarnos cun solo, que realizaremos, preferentemente, na segunda quincena do mes de maio. Se non pode ser así, vale calquera data de maio. Traballaremos dúas temporadas (maio do 2003 e maio do 2004).
5.- Cos datos na man, compararemos a riqueza e a abundancia de aves entre eucaliptos e outro tipo de bosques emparellando os datos de cada localidade e ano.
6.- Saia o que saia (sempre que haxa mostra suficiente para escribir algo), dous ou tres persoas voluntarias encargaranse de escribilo e envialo a unha revista. Se a mostra é moi grande e se fai correctamente, pode saír algo para unha revista decente e se sae máis pobre a cousa, pois o publicaremos nunha revista máis local. Firmarían os "escribentes" como compiladores e engadiríase a lista completa de participantes nun apéndice.
Podes baixa-la ficha picando aquí.
A continuación van os nomes e as posibles zonas de traballo dos colaboradores, hai un par de persoas que non figuran na lista pola simple razón de que perdín os seus nomes. Calquera que se bote en falla nesta lista, que faga o favor de comunicarmo persoalmente a traveso do correo electrónico, indicando tamén a zona de traballo.
|
NOME |
ZONA DE TRABALLO |
|
Antonio Sandoval |
A Coruña / Mañón (CO) |
|
Javier Rodríguez |
A Coruña |
|
Álvaro Barros |
San Sadurniño (CO) |
|
Miguel Conde |
Santiago |
|
Ignacio Fernández |
Cabanas (CO) |
|
Jesús Taboada |
Comarca do Deza (PO) |
|
Xabi Vázquez |
Mariña de Lugo |
|
José Otero |
Aranga (CO) |
|
Amadeo Pombo |
Bergantiños (CO) |
|
Xabier Varela |
Bergantiños (CO) |
|
Xoán Collazo |
Vigo-Val Miñor (PO) |
|
Xesús Pastoriza |
Pontedeume (CO) |
|
Enrique Díaz |
Fornelos dos Montes (PO) |
|
José de Souza |
Betanzos (CO) |
|
Cosme Damiám |
O Grove, Sanxenxo (PO) |
|
Emilio Martínez |
Dodro (CO) |
|
Ignacio Munilla |
Vigo (PO) |
|
José Guitián |
Barbanza (CO) |
|
Teresa Bermejo |
Barbanza (CO) |
|
Álvaro Santos |
Saiáns-Oia (PO) |
|
Gonzalo Mucientes |
Por determinar |
|
Luis Salaverri |
Mondoñedo (LU) |
Finalmente, lembrar a todos que estaría moi ben conseguir algúns colaboradores máis. Facede o que estea nas vosas mans co fin de lear a máis xente no asunto. Gracias mil.
Pepe Guitián.
|
|