A SGO é unha asociación dedicada ó estudio científico e a conservación das aves silvestres e dos seus hábitats en Galicia
Noticiario Ornitolóxico
 AXENDA
Onde ver aves en Galicia

PRESENTACIÓN

Cada vez son máis os países do planeta que contan con guías que recollen as zonas e itinerarios máis axeitados do seu territorio para observar aves. Estas guías están dirixidas tanto aos afeccionados "indíxenas" como a aqueles outros que chegan de fóra, e se caracterizan polos seus contidos eminentemente prácticos. Moitas delas están escritas por ornitólogos británicos ou en xeral do norte de Europa.

Na Asemblea da SGO do ano 2004 aprobouse o proxecto de elaborar desde a nosa Sociedade unha guía deste tipo. Nesta última Asemblea de 2005 presentáronse e aprobáronse tanto os contidos desta futura publicación como a forma de facela realidade.

Este documento é, ao mesmo tempo que unha presentación do proxecto, unha chamada á participación dos nosos socios e socias.

A publicación dunha guía titulada "Onde ver aves en Galicia" só pode ser froito do traballo conxunto de todos nós. Ao fin e ao cabo, do que se trata é de que cada un escriba sobre a/s zona/s que tantas veces percorreu, e que coñece mellor que ninguén.

COORDINACIÓN

Este traballo vai ser coordinado por tres membros da actual Xunta Directiva da SGO (Miguel Conde Teira, José Antonio de Souza Bazarra e Antonio Sandoval Rey) e un socio (Manuel Martínez Lago), tal e como se decidiu por parte da Xunta Directiva.

SELECCIÓN DE AUTORES

Quen queira colaborar pode mirar o arquivo que se pode baixar máis abaixo. Alí pódense ver o listado de autores e os espazos que non dispoñen de autor todavía, en calquera caso quen quera participar pode poñerse en contacto no enderezo que figura no arquivo .pdf.

REDACCIÓN DE TEXTOS

Os textos enviaranse obrigatoriamente en formato dixital e por correo electrónico ó enderezo creado exclusivamente para este proxecto e que figura no arquivo .pdf.

Hai moita máis información que debe ler quen queira participar neste proxecto no arquivo .pdf que podes baixar do apartado de Arquivos ou picando aquí.

Asemblea Xeral do 22/04/2006

O sábado 22/04/2006 celebráronse a Asemblea xeral ordinaria e a A. x. extraordinaria da Sociedade Galega de Ornitoloxía coa asistencia de 20 socios. O máis destacado foi o plano de actividades para o próximo período e renovación da Xunta Directiva.

Excursións:

Excursión ao Courel 13 e 14 de Maio

Terra Chá 4 de Xuño

Trevinca 8 e 9 de Xullo

Excursión a un humidal en outono onde se poderá ver o traballo de anelamento.

Excursión a un humidal no inverno.

Este ano está previsto que saian publicados os Anuarios das Aves de Galicia correspondentes aos anos 2002 e 2003.

Miniseminario sobre gaivotas en outono.

Está prevista unha renovación da revista A Carriza na que se pretende fomentar a publicación de artigos e notas breves (principalmente de corte faunístico, estudios sobre distribución, censos, status, etc.)

Crearase un grupo de traballo de Aves e Agricultura do que se encargará Oscar Rivas e mirarase a posibilidade de levar a cabo unha Xornadas sobre este tema.

De todas estas actividades iremos informando nas Follas Informativas e na páxina web.

Por outra banda na Asemblea Xeral Extraordinaria levouse a cabo a elección da nova Directiva da Sociedade que agora queda composta da seguinte forma:

Presidente: Andrés Bermejo Díaz de Rábago.

Vicepresidente: Augusto de Castro Lorenzo.

Secretario: Juan Carlos Epifanio Lemos.

Tesoureira: Graciela Fernández Arrojo.

Vocal 1: José Manuel Martínez Mariño

Vocal 2: Jesús Taboada Martínez.

Vocal 3: Cristóbal Pérez Pérez.

Vocal 4: Oscar Rivas López.

Vocal 5: Xan Rodríguez Silvar.

Censo coordenado de Circus pygargus - 26 e 27 de Abril 08

Censo coordenado da Ave do ano en Galicia 2008, a tartaraña cincenta (Circus pygargus), celebrado o fin de semana do 26 e 27 de abril de 2008; ver aquí.

CURSO DE ORNITOLOXÍA (Completo)

3/3/2008: todas as prazas están completas para este curso.

Cartaz do I CURSO DE ORNITOLOXÍA organizado pola SOCIEDADE GALEGA DE ORNITOLOXÍA os días 28, 29, 30 de marzo de 2008 picando aquí.

Red de Observación de Aves Marinas del Cantábrico y Galicia (RAM).

Como sabedes, os días 29 ó 31 de octubro pasados celebráronse en Viveiro (Lugo), e de forma simultánea, o VI Congreso Galego de Ornitoloxía e as V Jornadas Cantábricas de Ornitología.

No marco desta reunión decidiuse, por parte dun grupo de asistentes, dar os primeiros paso cara á creación dunha rede de control do paso de aves mariñas fronte ás costas cantábricas e galegas, o 18 de febreiro terá lugar a cuarta xornada de censo paralelo. Picando aquí podedes baixar as instruccións de censo e a ficha de observación. Tamén podedes baixar estes arquivos no apartado de "Arquivos".

Blog RAM: http://redavesmarinas.blogspot.com/

Web RAM: http://www.telefonica.net/web2/redavesmarinas/

Ampliación prazo de envío de información: Anuario das Aves de Galicia: Especial Décimo Aniversario (1992-2002).
A SGO, coa coordenación de Xurxo Piñeiro, ten previsto editar un volume especial do Anuario das Aves de Galicia, con citas non publicadas por calquera razón en anteriores anuarios (desde o Anuario 1992-93 até o Anuario 2002), e, importante, citas de anos e decenios anteriores, que levará por título Anuario das Aves de Galicia: Especial Décimo Aniversario (1992-2002).

Podes obter máis información sobre este proxecto aquí.

O prazo remata o 30 de abril de 2008.

Para calquera dúbida ou eventual correción, contactádenos a través de: sgosgo(arroba)sgosgo.org, anuario(arroba)sgosgo.org ou no Apartado de correos 581, 15080 Santiago de Compostela, Galicia.

Graciñas!

Taller internacional sobre ecoloxía de pardelas e paíños no sur de Europa. Cariño (CO). 16 a 18 de novembro de 2007.

Taller internacional sobre ecoloxía de pardelas e paíños no sur de Europa. Cariño (CO). 16 a 18 de novembro de 2007 aquí. [10/09/07].

Crónica da ornitosaída á Terra Chá Xuño 2006.

O pasado domingo, 4 de xuño foi a ornitosaída á Terra Cha.  A xornada transcorreu segundo o programa previsto aínda que pola escaseza de asistentes anulouse a visita a Portomarín, que xa se consideraba dubidosa a priori. Dende Castro de Ribeiras de Lea fomos primeiro á lagoa de Caque á vez que dábamos tempo a que chegaran os últimos participantes. Alí, igual que no lago de Cospeito, tivemos oportunidade de observar polos de varias especies de acuáticas (mergullón pequeno, galiñola negra, lavanco).

 

A continuación fomos á Veiga de Pumar, obxectivo principal da visita por ser a zona menos coñecida para os asistentes foráneos. A bondade climatolóxica permitiu que se cumprisen as nosas expectativas e dúas das especies máis emblemáticas do lugar, Sisón e Alcaraván, puidéronse observar e fotografar en diferentes manifestacións do seu comportamento: voando, descansando, comendo, cantando (no caso do Sisón).

 

Posteriormente visitouse o monte da Croa onde se comentaron as posibilidades de expansión da área protexida cara ao Leste. De alí a Cospeito lago a través da Espiñeira, onde rematou o percorrido cunha detida observación da ornitofauna habitual nesta altura do ano.

 

Por suposto ademais das principais puidéronse observar un bo número de especies entre as que poderíamos salientar: Falcón Pequeno, Tartaraña Cincenta, Millafre Negro, abundante Cegoña Branca, Lavandeira Marela, Papuxa Común, Folosa Amarela, Rousinol Bravo,…, botándose en falta máis observacións das realizadas de Picanzo Vermello, como nos ten acostumado na zona.

 

Cun bo xantar e animada sobremesa en Casa Verdial deu fin a ornitosaída.

Crónica da ornitosaída ao Courel (maio de 2006)
 

Tal e como estaba programado, a pasada fin de semana foi a excursión ao Courel. Foi a máis exitosa ornitosaída das programadas á montaña tendo en conta o número de asistentes, en total 20 persoas. A maioría estivemos aloxados no Campamento do Courel onde nos fixeron o 25% de desconto, un bonito lugar. Fomos chegando o venres ao longo da tarde con inesperadas pero gratas asistencias.

 

O sábado, algo máis tarde do esperado, arrancamos no coche ao Alto do Couto dende onde empezamos a excursión e introducímonos na parta máis alta da devesa da Rogueira esperando ver o ferreiriño palustre (Parus palustris) cousa que non conseguimos pero si puidemos escoitar e ver outros páridos ademais do picafollas europeo (Phylloscopus collybita). Chegamos ata As Augas da Rogueira e dende alí ascendemos ata a Boca da Rogueira. Neste lugar puidemos ver o merlo rubio (Monticola saxatilis) e tamén a pica alpina (Anthus spinoletta). Descendemos ata a lagoa da Lucenza onde comemos e volvemos ata o porto para bordear a devesa pola súa parte superior. Despois baixamos ata Parada e de alí ata Seoane, xa polo medio duns soutos cuns castiñeiros excepcionais onde observamos o cardeal (Pyrrhyla pyrrhula) e o gabeador azul (Sitta europaea). Esa noite repuxemos forzas e cenamos estupendamente en Seoane.

Ao día seguinte, a maioría con maniotas, fomos ata Froxán onde demos un pequeno paseo ata o río. En canto a aves a cousa estivo bastante parada, a pesar de que a calor non era excesiva, e observamos moi poucas rapaces, aínda así observáronse e escoitáronse 59 especies de aves. De todas formas, a excursión mereceu moito a pena polos aspectos paisaxístico, botánico (atopamos varias especies diferentes de orquídeas) e gastronómico, ademais, coma sempre, houbo moitas risas. Hai fotos no apartado de Fotos.

Faite soci@, e recibirás o Anuario e a Carriza!

Animamos a tod@s @s que visitan a nosa páxina web a que se fagan soci@s da SGO. Por que?

- Porque te enviamos gratuitamente ao teu enderezo postal o Anuario das Aves de Galicia cada ano.

- Porque te mandamos dous (e eventualmente tres) volumes anuais da revista A Carriza (e de balde!). 

- Porque somos unha ONG de referencia dentro da ornitoloxía galega desde 1999.

- Porque levamos á prática varios grupos de traballo nos que podes participar.

- Porque organizamos excursións amenas e instructivas.

- Porque non é caro!!!

Compróbao pichando aquí e aquí. Lembra que o noso enderezo electrónico para todo o relacionado coas altas e baixas de soci@s é: sgosgo(arroba)sgosgo.org.

Aínda que non sexas soci@, podes colaborar con nós. Pica aquí para máis información.

Graciñas!

Criterios específicos para o envío de observacións ó Anuario das Aves de Galicia (AAG). Revisión 2005.

No apartado de "Arquivos" podedes baixar en formato .pdf (129 Kb) estes novos criterios para o AAG, tamén o podedes facer picando aquí.

novo - saídas ornitolóxicas 2008

- CANCELADA a ornitosaída en barco polo canón do Sil (LU-OU) para o vindeiro día 27 de xullo (domingo).

- Programa das ornitosaídas previstas para o 2008 organizadas por ADEGA, e na que colaboran a SGO e o concello de Pontevedra, aquí.

- Vista dianteira (aquí) e traseira (aquí) do díptico das vindeiras saídas ornitolóxicas a celebrar durante o 2008 en Pontevedra, organizadas por ADEGA, o Concello de Pontevedra e a SGO.

novo - Comité Avifaunistico da SGO

O Comité Avifaunístico da Sociedade Galega de Ornitoloxía (CA/SGO) está xa activo. Máis información aquí.

novo - VII CONGRESO GALEGO DE ORNITOLOXÍA - Monforte 2008

VII Congreso Galego de Ornitoloxía (Monforte, setembro de 2008)

 

NOVO Organización e Comité científico do vindeiro Congreso Galego de Ornitoloxía (Monforte de Lemos, 26 a 28 de setembro de 2008) aquí.

 

NOVO AVISO: o prazo de envío de resumos de comunicacións para o VII Congreso Galego de Ornitoloxía remata o 30 de agosto de 2008. 

 

Cartaz do Congreso, aquí.

 

Circular nº 1 do Congreso aquí.

 

Circular nº 2 do Congreso aquí.

 

Modelo de inscrición para o Congreso, aquí.

 

Normas e prazos para o envío de comunicacións para o Congreso, aquí.